Saltar ao contido
Inicio » Blog » Gatos » Castración e o ciclo reprodutor nas gatas.

Castración e o ciclo reprodutor nas gatas.

Os gatos son unha das moitas especies que sincronizan a súa tempada de cría coas estacións do ano, cando a natureza proporciona unha maior oferta de alimento para os seus fillos unha vez que nacen.

Os machos están en celo durante todo o ano, pero as femias teñen varios ciclos fecundos, o máis notable dos cales coincide co aumento das horas de luz, cando os días comezan a facerse máis longos. As gatas poden ter o seu primeiro estro en xaneiro ou febreiro cando teñen só 5 ou 6 meses de idade, debido ao aumento da produción de hormonas sexuais asociado ao incremento das horas de luz tras o inverno.

O período de xestación das gatas dura arredor de dous meses; se conciben a finais de xaneiro, parirán na primavera, xunto con outras especies (paxaros, roedores, etc.). Isto supón unha vantaxe para as gatas, xa que lles permite atopar comida e alimentar mellor á súa camada.

As gatas que viven en semiliberdade, en aldeas ou nas rúas da cidade, responden moi ben a este chamamento da natureza.

As mascotas domésticas que viven no interior e están expostas á luz artificial poden experimentar un inicio atrasado do estro; poden sincronizalo co das gatas veciñas que están a maullar, ou permanecer en celo durante todo o ano.

Durante o ciclo estral, os gatos machos maúlan, afilan as uñas en lugares novos e marcan o seu territorio con ouriños. As femias maúlan continuamente, perden o apetito, estíranse e revólcanse fregándose contra o chan, e algunhas ouriñan fóra da súa bandexa de area. Se, durante este tempo, mantemos o gato pechado para evitar que saia a ‘buscar parella’, estresarase, experimentará cambios de comportamento – podendo volverse agresivo – e mesmo podería poñerse enfermo.

‘ANDAR Á XANEIRA’ é o termo popular galego que describe os cambios de comportamento nos gatos que buscan parella despois do inverno.

Se estamos certos de que non queremos que o noso gato –sexa macho ou femia– se reprodúa, debemos consultar co noso veterinario sobre as medidas para previr os problemas causados por estes cambios de comportamento, que son tan perigosos para a súa saúde.

A única forma definitiva de poñer fin a este problema é mediante a esterilización.

A esterilización é un procedemento cirúrxico considerado medicina preventiva; evita camadas indeseadas, maullidos, marcaxe con ouriños, tumores mamarios e ovarianos, e infeccións uterinas a medida que as gatas envellecen.

Contrariamente á crenza popular, non é necesario que as gatas teñan unha camada antes de ser esterilizadas.

Tras a operación, manteñen a súa personalidade; seguen cazando ratos e xogando. Algunhas gatas moi tranquilas tenden a gañar peso; durante o celo perden o apetito, pero tras a operación comerán con normalidade durante todo o ano. Esta tendencia pódese previr mediante a dieta e animándoas a facer exercicio.

A esterilización é un procedemento rutinario nas clínicas veteritarias; realízase con anestesia xeral e require unhas horas de hospitalización. Unha gata esterilizada é unha mascota máis saudable cunha maior esperanza de vida.